RESUMO DAS II XORNADAS DE BIOCONSTRUCIÓN . A MADEIRA ESTRUTURAL.
Rábade (Lugo). 26-28 de setembro de 2014
Premendo o nome dos relatos en azul, podense descargar os pdfs dos mesmos.
Os días 26, 27 e 28 de setembro celebramos amparados pola Deputación de Lugo, e en colaboración co Concello de Rábade, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, as II Xornadas de Bioconstrución. Este ano estiveron dedicadas a madeira estrutural.
As xornadas tiveron lugar en Rábade, e contamos coas instalacións necesarias para o desenvolvemento des charlas (no salón de actos do Centro Socio-cultural), os merecidos descansos (no vestíbulo da casa do Concello), a comida (no campo da feira) e as diversas actividades (na ribeira do Miño e nas prazas públicas da localidade). Algúns tamén puideron aproveitar a zona de acampada a carón da Casa das Insuas para pasar a noite.
Durante o fin de semana puidemos gozar dun bo tempo que fixo de complemento perfecto, e facilitou as distintas actividades e os movementos de un lugar a outro, que serviu para coñecer un pouco o pobo, e comprobar a presenza do tren polo medio do mesmo.
Durante os tres días o salón de actos enchouse de xente interesada na madeira e na bioconstrución, para escoitar aos distintos relatores, que foron amosando, desde distintos puntos de vistas e con enfoques diversos, a bondade da madeira como material de construción para a sustentación dos edificios. Ademais, se falou do interese do uso da madeira para manter os nosos bosques.
Paralelamente realizáronse algunhas actividades
De seguido resúmese o contido das diferentes relatos que encheron os días.
Venres 26
Sonsoles López Izquierdo, Deputada Provincial de Lugo, e Francisco Xosé Fernández Montes, Alcalde de Rábade, deron o pistoletazo de saída as Xornadas.
Daniel Grandío fixo a presentación do Proxecto da Guía de Recursos de Bioconstrución que Espiga desenvolve a través da Web a partires dun traballo que Manuel Otero elaborou como fin do Master de Bioconstrución
Custodia dos espazo naturais (Asociación galega de Custodia do territorio)
Martiño Cabana contounos como as Organizacións Custodia do territorio son unha forma de xestionar espazos de valor medioambiental, permitindo conservar a natureza e planificar o seu futuro dunha forma sostible.
A madeira producida en Galicia (Jose Antonio Meixide)
José Antonio Meixide (Tonecho), é asesor forestal da Consellería do Medio Rural e profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo. Tonecho explicou como a produción madereira ten unha rendibilidade a longo prazo, e necesita dunha silvicultura específica para obter madeira de calidade e así poder mellorar o seu rendemento.
Soria vive do bosque (Santiago e Luis Miguel Barrio)
Luis Miguel Barrio, xerente das empresas Madera Pinosoria e Maderas MIBA contounos o exemplo de Soria, onde a produción madereira é sostible e rendible. Sendo unha provincia onde tódolos cidadáns participan do bosque, traballando solo empresas locais e fomentando a economía de proximidade.
Como se xestionan os montes en Galicia (Xose Alfredo Pereira Martinez)
Puidemos ver como as Organización de Montes Veciñais en Mancomún son un tipo de propiedade moi especial, xa que ven de tempos antigos. Asemade contou os problemas e vantaxes que teñen este tipo de propiedade.
Para rematar o día se organizou unha mesa redonda cos poñentes para poder poñer en común as experiencias e inquietudes de todos.
Sábado 27
Resistencia e durabilidade do eucalipto laminado (Oscar Villapol -LAMINADOS VILLAPOL)
O dia comezou falando de Eucalipto, da man de Oscar Villapol, da Empresa que leva o seu nome. Falou das características da madeira de eucalipto, a súa resistenza e durabilidade natural, e como mellora no proceso de laminado, para utilizar nas estruturas dos edificios.
Obradoiro teórico-practico sobre a obtención e usos da resina (Granxa Brezo) de Astorga-Leon.
De seguido os integrantes da “Granja Brezo”, que son a súa vez membros da “Asociación de resineros de Tabuyo del Monte” explicaron o traballo de resinado dos piñeiros na súa terra, os produtos que extraen da arbore e as súas propiedades.
Nos achegamos xunto deles a un piñeiro das proximidades onde eles fixeron unha demostración práctica do seu traballo.
Estruturas de madeira laminada (Miguel Nevado)
Xa despois do descanso, Miguel Nevado que é Consultor de madeira estrutural, falou, axudado dunha morea de imaxes, das distintas aplicacións da madeira contralaminada para a construción de edificios, expoñendo as virtudes deste material e as súas avantaxes en relación co outros materiais estruturais.
Paralelamente á exposición de Miguel Nevado os máis pequenos puideron gozar dun obradoiro familiar de Recoñecemento de especies a carón do río Miño. A enxeñeira de Montes Ana Salgueiro amosou ós pequenos as árbores máis características dun entorno fluvial, dando indicacións para a súa identificación e comentando os usos tradicionais destas especies.
Disfrutamos dun abundante xantar no campo da Feira de Rabade
Madeira e lume: falsos mitos. Comportamiento da madeira en situación de lume. (Ruben Regueira Gay)
Co bandullo cheo e avidos de coñecementos asistimos a charla de Rubén Regueira Gay, que é Douctor Enxeñeiro de Montes e que fixo a súa tese doutora. sobre a modelización do comportamento de unións de estruturas de madeira en situación de lume. Nos falou sobre o comportamento da madeira en caso de lume, e as prevencións que temos que ter para a súa utilización.
Pola tarde, os máis pequenos tamén puideron ter o seu espazo particular coa construción dun domo a pequena escala cos rapaces de Domoexperiencia, no segundo obradoiro familiar das Xornadas.
A madeira de castiñeiro laminada: tradición e innovación. (Susana Iglesias-SIEROLAM).
Mais tarde, Susana Iglesias, representante da empresa Sierolam de Asturias, que se dedica á elaboración e comercialización de produtos de madeira, e está especializada na madeira de Castiñeiro, dos que teñen plantacións propias, falou das bondades da madeira de castiñeiro, e o seu uso na construción de edificios tanto aserrada como laminada.
Técnicas de intervención estrutural en edificios antigos de estrutura de madeira. (Manuel Touza).
Manuel, que é o xefe da área de innovación e tecnoloxía do Cis-Madeira (O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia) deleitounos cu repaso de distintas intervencións no patrimonio arquitectónico, nos aspecto relacionados coa madeira estrutural, como forxados de madeira, estruturas de cuberta de madeira, etc. Foi un repaso con rigor técnico pero tamén moi emotivo.
Madeira e casas pasivas (Alfonso Lozano Martínez-Luengas)
Na última charla do dia, Alfonso deunos un percorrido polo proceso de construción dun edificio dende a cimentación ata os acabados, repasando as posibilidades de uso de materiais e técnicas sas e de baixo impacto enerxético e ambiental, especialmente a madeira e a súa importancia para alcanzar os estandar das “PassivHaus”. Alfonso é Doutor enxeñeiro industrial, Profesor da Universidade de Oviedo, especialista en restauración arquitectónica e avaliación de patoloxías na edificación.
Para finalizar o dia, o conxunto de relatores nunha mesa redonda, abordaron as posibilidades de divulgar e dar a coñecer estes temas para que a bioconstrución se faga normal na construción e sexa accesible a todos o interesados.
Domingo 28
Propiedades da madeira: sistemas estruturais de madeira (Manuel Guaita)
Manuel, que é Catedrático da Universidade da USC e director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural PEMADE (www.pemade.com) falounos das propiedades mecánicas da madeira, e de como é un material moi eficiente dende o punto de vista estrutural, entre outros. Ademais deu unha serie de parámetros básicos para o deseño en madeira.
Impulso da construción en madeira na formación profesional. (Fernando López e María García)
Fernando López representante do FP de Melide e María García da Ufa Fabrik de Berlin) explicaron o que se pode facer dende a formación profesional, concretamente falaron do Proxecto Leonardo “Construción en madeira e eficiencia enerxética na Formación Profesional”, que están levando a cabo a nivel europeo, conxuntamente cun centro de Dinamarca e outro de Portugal
Deseño e construción dun domo xeodésico con madeira certificada PINOSORIA (Domoexperiencia)
Os rapaces de Domoexperiencia explicaron como funcionan estas estruturas tan fascinantes, amosando os diferentes usos posíbeis na construción de espazos lúdicos, invernadoiros, etc. A continuación, entre todos os asistentes se montou un domo de madeira na praza diante do Concello. Rematando deste xeito unhas xornadas tan intensas coma interesantes.
3 Responses to “II XORNADAS DE BIOCONSTRUCIÓN 2014”
Bo día,
quería saber onde hai que inscribirse para as Xornadas de Bioconstrución e se é gratuito ou ten algún custo.
Un saúdo
Non sei si conseguín apuntarme xa que a páxina falloume, agradecería que me confirmarades.
Un saudo
Alejandr
[…] Asociación Galega para a Bioconstrucción organiza las II Jornadas Bioconstrucción: La madera estructural los próximos 26, 27 y 28 de septiembre. Las jornadas, que tendrán lugar en el centro […]