Grupos de Traballo

Actualmente na asociación están formados uns grupos para desenvolver os seguintes proxectos.

 

MAPEO DE RECURSOS DE BIOCONSTRUCIÓN

Obxectivos

Crear unha guía que inclúa os recursos de bioconstrución que hai actualmente en Galicia para:

  • Facilitar o contacto entre interesados, profesionais e artesáns
  • Localizar materiais de bioconstrución, a ser posible Locais
  • Propiciar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre os profesionais da bioconstrución
  • Fomentar a bioconstrución e a economía local galega

Os recursos que poden figurar na guía son os seguintes

  • Venda/distribución de materiais
  • Oficios
  • Instaladores
  • Técnicos
  • Medicións

 Coordinador

F. Xabier Bernardez Fresco

A guía xa está en funcionamento, e aberta a todos en internet. Pódese acceder a ela a través desta páxina ou en http://espigabioconstrucion.org/mapeo/ pero é necesario alimentala, poñela ao día e completala con novas ferramentas.

 

RECUPERACIóN DO USO DO CAL EN GALICIA

Obxectivos

O obxectivo deste proxecto é normalizar o emprego do cal como material de construción, recuperando os coñecementos perdidos e devolvéndolle o prestixio que se perdeu na segunda metade do século XX. Para isto é moi importante que os técnicos e aplicadores coñezan as aplicacións do material e que collan seguridade para prescribilo e utilizalo.

 Coordinadores

Ignacio Mendizabal Herrero

Luciano López Hernández

Dende o ano 2013 este grupo vén organizando actividades para dar a coñecer os usos do cal e para formar na súa aplicación. En xuño do 2013 celebráronse unhas xornadas sobre bioconstrución e intervención do patrimonio arquitectónico en Viveiro, nas que o cal foi o material estrela. A raíz da celebración das xornadas impartíronse dous talleres de aplicación do cal para revestimentos e remataron, e realizouse un apagado colectivo de cal para o seu posterior uso por parte dos aplicadores. Agora estanse a formular os seguintes pasos para a consecución dos obxectivos, e estanse a planificar as actividades a realizar.

 

A MADEIRA ESTRUTURAL

Obxectivos

O interese do grupo é fomentar o uso da madeira como material natural nas estruturas dos edificios. Para logralo, preténdese a difusión das bondades do material e os produtos dispoñibles; e a formación de técnicos e oficios para poder resolver estruturas de madeira con calidade.

Trátase de fomentar o uso da madeira como material construtivo, nas estruturas dos edificios e en combinación con outros materiais de bioconstrución.

Para logralo, preténdese a difusión das propiedades do material, e os produtos dispoñibles, para acadar un correcto deseño e execución estruturas de madeira.

É importante pór en contacto e mellorar a formación de técnicos e oficios.

 

Coordinadora

Ángela Martínez Lago

 

En setembro de 2014 o grupo organizou unhas xornadas sobre a madeira estrutural en Rabade, seguidas en novembro por unhas visitas técnicas a diversas obras en Mondoñedo.

Estanse a organizar máis visitas a edificacións con elementos construtivos en madeira.

BASE DE DATOS DE ELEMENTOS CONSTRUTIVOS

Obxectivos

Trátase da elaboración dunha base de datos de solucións construtivas, incluíndo datos técnicos e detalles gráficos co obxectivo é facilitar aos técnicos, construtores e autoconstrutores a inclusión nas súas obras e proxectos de solucións construtivas máis saudables.

O resultado é unha base de datos de solucións construtivas para paramentos verticais, cubertas, forxados e chans. Esta base de datos inclúe os seguintes apartados:

  • Definición
  • Detalle gráfico
  • Descripción das ventaxas bioclimáticas e técnicas
  • Datos térmicos y acústicos
  • Datos sobre consumo de energía de la solución
  • Pegada de carbono (emisións CO2, contaminacion ambiental…)
  • Cumplimento da normativa vixente
  • Fichas técnicas dos materiais
  • Prezo de execución m2 aproximado

 

Coordinador

Antono López

Podes descargar o que levamos feito aquí. Temos que seguir traballando na creación de máis fichas para que sexa unha ferramenta realmente potente, así que se tes algunha suxestión non dubides en unirte ó grupo!!!

 

APLICACIÓNS CONSTRUTIVAS DE TERRA

Obxectivos

A terra é un dos materiais de construción máis utilizados no mundo, pero fóronse deixando de utilizar en beneficio doutros materiais menos naturais e menos sans. O fin do proxecto é que se recupere o uso da terra, xa sexa da forma en que tradicionalmente utilizouse, ou a través dos novos produtos que están a poñer á nosa disposición. Para iso hai que coñecer o material, saber diferenciar as distintas formas en que se pode aplicar, e aprender a facelo.

 Coordinador

Miguel Serrano Gómez

Nestes momentos o grupo está a organizar unhas xornadas sobre este tema para celebrar durante este ano, e quere poñer en marcha máis actividades para o coñecemento dalgunhas aplicacións construtivas.

 

A PEDRA

Obxectivos

O obxectivo do grupo é estudar o uso da pedra na construción, dende unha perspectiva de sostibilidade e a saúde. Isto supón a análise das distintas posibilidades de utilización, atendendo ao seu impacto no medio natural, o respecto ás formas tradicionais, os seus efectos sobre os seres vivos e mediante a reutilización do material xa extraído da natureza.

Coordinador

F. Xabier Bernardez Fresco

Por agora este grupo está a formarse para poder poñerse en marcha.

 

 

Se estas interesado en colaborar nalgún destes proxectos, envíanos un correo a espigabioconstrucion@gmail.com  e poderaste incorporar ao grupo de traballo que che interese.