Espiga

ESPIGA, Asociación Galega para a Bioconstrucción, é unha asociación sen ánimo de lucro que nace no ano 2013 para satisfacer a necesidade social de reunión de profesionais e particulares interesados no uso de materiais sostibles, vivendas libres de tóxicos, eficiencia enerxética e respecto social na construción.

OS FINS de Espiga son a investigación, desenvolvemento, divulgación e formación necesarias para unha construción sa, sostible, eficiente e ética que irán conformando a materialización dunha nova forma de concibir a construción máis orientada á vida, á saúde dos futuros usuarios e por ende á saúde do ámbito global ou medio no que se desenvolva.

OS PRINCIPIOS

Construción sa: Perséguese que a edificación sexa saudable para os seus moradores, para iso promovémo-los seguintes principios:

– Elección da localización máis favorable e integración urbanística positiva.

– Avaliación de factores de risco en torno á edificación como son a contaminación acústica, fontes de contaminación electromagnética naturais e artificiais e fontes de contaminación ambiental.

– Utilización de criterios de bioconstrución como son: deseño bioclimático, uso de envolventes higroscópicas ou transpirables, uso de materiais sans e naturais, aproveitamento da luz natural, minoración da contaminación eléctrica e electromagnética no interior das edificacións e consecución dunha boa calidade do aire no interior das edificacións.

Construción sostible: Promóvese a redución do impacto ambiental da edificación e a utilización de materiais que requiran pouca enerxía para a súa produción e/ou transformación. E buscase tamén minimizar o consumo de recursos non renovables así como a xeración de residuos contaminantes promovendo a reciclaxe e utilización de produtos e materiais locais evitando grandes transportes.

Construción eficiente: Foméntase o aforro de enerxía e de auga así como o uso de enerxías renovables. Promóvense sistemas sinxelos, económicos, respectuosos, que non se esgoten e que permitan a máxima descentralización, buscando unha autosuficiencia máxima. Favorécese a arquitectura bioclimática, reducindo grazas ao deseño, ao aproveitamento solar pasivo e á correcta elección de sistemas construtivos e de instalacións, as necesidades de calefacción e climatización co conseguinte aforro de enerxía.

Construción ética: Apóianse proxectos e iniciativas que sexan respectuosas coas persoas, familias, comunidades e co medio e que xeren un desenvolvemento sostible. Dentro do marco da bioconstrución foméntanse os seguintes principios e valores: respecto, responsabilidade, xustiza, honestidade, consistencia e transparencia.